Antes de máis nada: lembras ben o que son as entrevistas de traballo?
Que imos facer?
Imos crear unha escena animada que recolla unha entrevista de traballo entre alguén que opta a un emprego e a persoa encargada da selección; ou ben entre un traballador/a e a súa xefa ou o seu xefe. Pero ese diálogo non está escrito en ningures, hai que crealo agora partindo da información da que dispoñemos.
Basearémonos nunha (calquera) das situacións seguintes. Escolle unha:
- Renuncia a un posto de traballo porque lle prohibiron falar galego
- Unha moza de Agolada denuncia que a botaron do traballo por falar galego
As dúas mostran a discriminación laboral por razóns de lingua. Para que iso quede recollido no noso diálogo, previamente:
- extraeremos a información fundamental sobre as circunstancias do traballo,
- aproveitaremos as alusións aos diálogos -en estilo directo ou indirecto- entre contratantes e solicitantes de emprego ou entre xefes e empregados
- e intentaremos reconstruír a posíbel entrevista.
Como o faremos?
Manexaremos personaxes, textos, enfoques de cámara, etc. coa aplicación web Xtranormal. Pasos a seguir:
- Rexistrámonos e imos despois ao correo para tomar a clave que nos asignan. Entramos co nome de usuario e esa clave. Máis adiante poderá cambiarse.
- Desde Create, escollemos dous personaxes (pois é un diálogo). Unha vez no editor, eliximos un fondo, un son ou unha música, os personaxes concretos e mais a lingua para cada un (ou portugués ou español, galego non o ofrece; mais podemos escribir en galego, aínda que a pronuncia non sairá moi axustada).
- Despois imos creando as escenas e intervencións de cada personaxe na entrevista. Ollo: debemos coidar especialmente a acentuación e puntuación, pois doutro xeito non se entenderá ben.
- Sobre o texto situamos (arrastrando) os elementos da esquerda, cando menos a cámara, a animación de movemento e a expresión facial (da cara). Ao colocalos no texto, á altura na que queiramos, ábresennos opcións e clicamos na máis adecuada.
- Unha vez rematada a esceniña, prememos en Listen e agardamos. Cando remate de cargar, comprobamos como quedou (Preview). Se hai que cambiar algo, farémolo. Se non, co signo + do texto creamos outra parte. E así sucesivamente.
Publicación
Ao final de todo, publicamos. Teremos que agardar un tempo ata que se poidan ver os resultados. Para iso, clicamos na nosa conta (sobre o noso nome de usuario ou en My Stuff). E rematamos publicando no noso blogue, para o cal abriremos a animación e aí tomaremos o código Embed, que pegaremos na opción Texto HTML do editor do blogue. Como se fai aquí cun exemplo: